O principio pasou hai tanto tempo que a Ismaíl parécelle un soño. El lembra que estaba en Malpica, onde viviu moitos anos, e que alí tivo a súa primeira páxina web. Pero hoxe só quedan poucas cousas e moi desorganizadas: os seus contos, as visitas, os sitios para xogar.
Xa en Culleredo, nun novo colexio, abriu o seu primeiro blog que se chamou Escola de Ismail (1). Estaba cuns nenos e nenas de segundo, e con eles viviu experiencias moi bonitas. Cando medraron e cambiaron de curso, creou un novo blog ao que chamou, por suposto, Escola de Ismaíl (2). Neste novo sitio coñeceu a nenos e nenas que estudaron quinto e despois sexto de primaria. Pero tamén medraron e marcharon para o instituto.
Así que, agora, non lle queda máis remedio que abrir outro blog: Escola de Ismaíl (3). Desa maneira, poderá estar cos seus novos amigos de quinto curso, que son xente moi estupenda. Ademais, os seus amigos do primeiro blog son os seus veciños de aula, porque tamén estudan o mesmo nivel de primaria. Está seguro de que todos vivirán grandes aventuras, e por iso Ismaíl síntese feliz por regresar…